Levy Mwanawasa
Nome orixinal | (en) Levy Patrick Mwanawasa |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 3 de setembro de 1948 Mufulira, Zambia (pt) |
Morte | 19 de agosto de 2008 (59 anos) Clamart, Francia |
Causa da morte | ictus |
Lugar de sepultura | Embassy Park (en) |
3º Presidente de Zambia | |
2 de xaneiro de 2002 – 19 de agosto de 2008 ← Frederick Chiluba – Rupiah Banda → | |
Presidente da Organización para a Unidade Africana | |
2 de xaneiro de 2002 – 9 de xullo de 2002 ← Frederick Chiluba – Supresión do cargo → | |
Membro da Assembleia Nacional da Zâmbia (pt) | |
decembro de 1991 – 1994 | |
Vice President of Zambia (en) | |
decembro de 1991 – 1994 ← sen valor – Godfrey Miyanda (en) → Nomeado por: Presidente de Zambia | |
Datos persoais | |
Relixión | Protestantismo |
Educación | Universidade da Zâmbia (pt) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Lusaca |
Ocupación | político, avogado |
Partido político | Movimento para a Democracia Multipartidária (pt) |
Familia | |
Cónxuxe | Maureen Mwanawasa (1987–2008) |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Dictionary of African Biography, |
Levy Patrick Mwanawasa, nado en Mufulira o 3 de setembro de 1948 e finado en París o 19 de agosto de 2008,[1] foi un avogado e político de Zambia, presidente do seu país entre 2002 e 2008, cando faleceu.
Primeiros anos e educación
[editar | editar a fonte]Mwanawasa naceu en Mufulira, Rodesia do Norte, como o segundo de 10 fillos e pertencente ao pequeno grupo étnico lenje. Recibiu a súa educación primaria en distintas escolas da provincia mineira de Copperbelt. Recibiu a súa educación secundaria na Escola Chiwala en Ndola, onde participou en varios movementos estudantís a favor da independencia de diversos países do continente africano baixo a dominación europea.
Ingresou na Facultade de Dereito da Universidade de Zambia, onde chegou a ser vicepresidente do Centro de Estudantes. Tras graduarse como avogado, traballou en empresas de dereito privado desde 1974 até 1978, cando formou a súa propia firma de avogados chamada Mwanawasa & Company, á que dedicará 14 anos de carreira xurídica e coa que irá acumulando reputación e prestixio até o punto de que en 1983 foi nomeado vicepresidente da Asociación de Dereito de Zambia.[2]
Carreira política
[editar | editar a fonte]En 1985 desempeñouse como procurador xeral no goberno de Zambia, pero regresou á práctica privada en 1986, debido a diferenzas co partido político imperante.
En 1989, dirixiu o equipo de defensa legal para o tenente xeneral Christon Tembo, quen foi acusado polo goberno de Kenneth Kaunda de conspiración para derrocar o goberno, que foi xulgado como un acto de traizón, pasible da pena de morte; Tembo gañou o caso contra o estado, e a reputación de Mwanawasa creceu entre a oposición anti-Kaunda.
Tras o caso, a súa reputación creceu de tal xeito que o presidente do Movemento por unha Democracia Multipartidaria (MMD), Frederick Chiluba, chamouno para que se encargara dos asuntos legais do partido, que pouco a pouco se convertería no principal partido da oposición contra o réxime de Kaunda até que en 1991 o MMD obtivo unha esmagadora vitoria nas eleccións xerais. Nelas, Mwanawasa obtén un escano como deputado pola circunscrición de Chifubu, en Ndola.
Tras a súa vitoria, Chiluba nomeouno vicepresidente en decembro de 1991. Nese mesmo ano, en Suráfrica, sufriu un grave accidente de tránsito, no que morreu o seu acompañante e el quedou con graves feridas que lle deixaron secuelas físicas permanentes: durante a investigación do feito chegouse a crer incluso que fora un ataque intencionado con motivos políticos, mais ao final, o caso pechouse sen esta consideración. Mwanawasa deixou de maneira definitiva a súa firma de avogados en 1992, para dedicarse de cheo aos asuntos de Estado.[2]
Renunciou á vicepresidencia en 1994, declarándose incompetente no seu cargo, entre os diversos escándalos de corrupción que estaban afectando a varios altos funcionarios do goberno. Isto causou unha división entre el e Chiluba, xa que mentres Mwanawasa ía sendo unha eminencia no partido, Chiluba era fortemente criticado pola delicada situación económica do seu país, e polas acusacións de corrupción que recibía o goberno. Todo chegou ao seu cénit cando en 2000, Chiluba intentou reformar a constitución para postularse a un terceiro mandato, o que xerou fortes críticas tanto da oposición como do seu propio partido e abriu o camiño a posibles sucesores, entre eles Mwanawasa.
Presidente de Zambia (2002-2008)
[editar | editar a fonte]Campaña presidencial e polémica vitoria
[editar | editar a fonte]Nas eleccións presidenciais de 2001, Chiluba fixo as paces con Mwanawasa, proclamándoo candidato presidencial, xunto co apoio do Comité Executivo Nacional do MMD. Entre as súas promesas figuraba a continuación e mellora da economía e política liberal que Chiluba levara a cabo durante o seu mandato, mellorar a cantidade de empregados no sector privado, reducir a débeda externa, e reducir os índices de pobreza no país (aproximadamente o 70% da poboación está á marxe da pobreza). O seu triunfo na presidencia foi tan sorpresivo como polémico posto que organismos internacionais consideraron que se deran serias irregularidades, como atrasos no reconto de votos e unha lentitude que xerou enormes fileiras nos votantes. Aínda así, a Corte Suprema de Zambia considerou legal o triunfo de Mwanawasa, cun apoio do 28,7% dos votos, fronte ao seu rival, Anderson Mazoka, quen obtivo un 26,7% dos votos, o que se considerou unha maioría mediocre e pouco confiable ante os estándares nacionais e internacionais.[2]
Primeiro mandato (2002-2007)
[editar | editar a fonte]O 2 de xaneiro de 2002 xura como o 3° Presidente de Zambia, cun Parlamento bastante dividido, xa que o seu partido posuía 69 escanos sobre os 159 do Parlamento zambiano, e coa presenza de disturbios e manifestacións que consideraban a súa presidencia como ilexítima. Cinco días despois, Mwanawasa presenta o seu gabinete, no que el mesmo se designa como Ministro de Defensa e xurando que non ía tolerar casos de corrupción nos ministerios.
A súa campaña contra a corrupción tivo o seu primeiro enfrontamento en xullo de 2002, cando lle quitou a inmunidade parlamentaria ao seu predecesor, Frederick Chiluba, ao que acusou de malversación de fondos a grande escala, para beneficio persoal e familiar. En febreiro de 2003, Chiluba foi arrestado e procesado por 169 cargos de corrupción, pero durante o xuízo, Mwanawasa ofreceulle un trato no que se confesaba os seus crimes e devolvía a cantidade de diñeiro roubada (naquel momento estimouse que roubara $43 millóns de dólares), outorgaríalle o indulto presidencial, o que provocou indignación por parte da cidadanía e da oposición, quen non tardaron en acusar a Mwanawasa de posuír unha dobre vara de medir na súa campaña anticorrupción. A pesar diso, Chiluba rexeitou a oferta e rompeu todo tipo de relacións con Mwanawasa, declarándoo o seu inimigo persoal.[2]
Entre outros conflitos que tivo Mwanawasa, figuraron a destitución do seu vicepresidente, Enoch Kavindele, e do seu Ministro de Finanzas, Emmanuel Kasonde, porque consideraba que ambos non facían o suficiente para combater a corrupción. Kavindele foi sucedido por Nevers Mumba, que permanecerá no cargo até o 2004, ao acusar ao mesmo Mwanawasa de corrupción e abuso de poder. Cara a finais dese ano, Mwanawasa suspendeu o proceso constituínte, alegando falta de orzamento para que levalo a cabo, o que causou a indignación da oposición, quen argumentou que Mwanabasa en realidade quería evitar que se levará a cabo unha das propostas, que consistía en incorporar unha segunda volta presidencial, en caso de que ningún candidato superase o 51% dos votos. Mentres todo isto ocorría, os partidos da oposición, como a Fronte Patriótica, liderada por Michael Sata ían gañando forza.[2]
Durante o seu mandato tamén se deron diversas manifestacións e revoltas, nas que se criticaban a proposta de aumentar o sector privado, posto que máis que aumentar a empregabilidade, fixo que aumentase o desemprego de maneira considerable; tamén se protestaba contra a corrupción e pola gravísima desigualdade económica imbricada no país.
En 2005, deu un sorpresivo discurso, Mwanawasa compadeceu para pedir desculpas por non deter a crise alimentaria que sufría Zambia desde o ano 2002, no que 4 de cada 10 zambianos pasaba fame, e a produción nacional de cereal non daba abasto suficiente para alimentar toda a poboación,
Pese a todos os reveses que tivo que enfrontar, durante o seu goberno puido reter e combater a propagación do VIH na poboación, reducir a débeda externa de 7200 a 6700 millóns de dólares estadounidenses, obter ganancias por medio da alza que tivo o prezo do cobre (principal produto exportador de Zambia). Sobre a súa campaña no sector privado, mellorou a condición económica, reducindo a inflación ao 10%, e no 2006, déronse boas colleitas, que puideron reverter a fame negra que estaba pasando o país. En relacións internacionais, Zambia fomentou enormemente as relacións diplomáticas e comerciais con China, quen foi un dos principais propulsores da privatización de diversas industrias de Zambia, proporcionando un considerable avance económico no país.[2]
Segundo mandato (2007-2008)
[editar | editar a fonte]En abril de 2006, Mwanawasa sufriu unha leve trombose cerebral, o que provocou unha redución da súa axenda laboral, e a pesar de terse recuperado, xerou dúbidas da súa condición física e psicolóxica, sobre todo cando confirmou que ía postularse á reelección para o período 2007-2012. As eleccións leváronse a cabo o 28 de setembro de 2006, onde Mwanawasa obtivo o 43% dos votos, fronte ao seu rival, Michael Sata, que obtivo o 29,4% dos votos. Os resultados oficiais foron confirmados o 2 de outubro, pola Comisión Electoral de Zambia, e a diferenza da última elección, os organismos internacionais deron unha cualificación positiva á realización das eleccións.
A principios de 2008, Mwanasawa converteuse nun dos primeiros mandatarios africanos en condenar o réxime ditatorial de Robert Mugabe en Zimbabue, acusándoo de múltiples fraudes electorais, pola súa represión cara aos seus críticos e por levar a Zimbabue a unha grave hiperinflación.
Entre chamamentos pola unidade nacional, Mwanawasa presentou o seu gabinete o 9 de outubro, onde designou como vicepresidente a Rupiah Banda, que chamou a atención dos medios, posto que Banda pertencía á oposición.
Enfermidade e falecemento
[editar | editar a fonte]O 29 de xuño de 2008, mentres Mwanawasa se encontraba en Sharm el-Sheij, Exipto, para participar na XI Asemblea da Unión Africana, sufriu un gravísimo derramo cerebral a raíz dun accidente cerebrovascular, polo que foi internado de urxencia: os médicos exipcios lograron deter a hemorraxia, e o 1 de xullo Mwanawasa foi enviado a Francia, ingresando no Hospital Militar de Percy. Durante a súa hospitalización, Banda asumiu a presidencia de forma interina, enfrontando as falsas noticias de que Mwanawasa falecera, difundidas polos medios de comunicación.
Finalmente, Mwanawasa faleceu o 29 de agosto de 2008 aos 59 anos, provocando diversas reaccións a nivel internacional. A pesar das rivalidades, Mugabe tamén mostrou o seu sentido pésame, no que o consideraba un ''irmán e compañeiro''.[2] Os funerais de Estado realizáronse en Lusaka o 3 de setembro, nos que asistiron decenas de mandatarios africanos, partidarios do seu goberno e incluso adversarios políticos como Michael Sata.
Vida privada
[editar | editar a fonte]Mwanawasa tivo diversas conversións de fe ao longo da súa vida, converténdose primeiro ao cristianismo protestante en 1977, pola Igrexa Unida de Zambia, e logo no ano 2001, tras casar por segunda vez, convértese ás Testemuñas de Xehová. En 2005, bautizaríase na Convención Baptista Sureña.[2]
En canto á súa familia, casou dúas veces, nas que tivo 6 fillos (dous coa súa primeira esposa antes de divorciarse, e catro coa segunda).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Europa Press - Fallece en un hospital de Francia el presidente de Zambia, Levy Mwanawasa" (en castelán). 19 de agosto de 2008. Consultado o 14 de novembro de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Roberto Ortiz de Zárate. "Levy Mwanawasa". www.cidob.org (en español). Consultado o 14 de novembro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Levy Mwanawasa |
- Biografía en español por Fundación CIDOB Arquivado 21 de maio de 2015 en Wayback Machine.